Tuesday 14 de May de 2024

Inaugúrase na Casa das Asociacións de Cornes a exposición ‘O Herbario de Rosalía’


Trátase dunha mostra con 40 imaxes dos 150 pregos que conforman o Herbario físico creado polas profesoras Isabel Fraga Vila e María López Sández. A exposición poderá visitarse na Casa das Asociacións de Cornes ata o 17 de setembro.

A Casa das Asociacións de Cornes acolleu esta mañá a inauguración da exposición ‘O Herbario de Rosalía’, unha mostra con 40 imaxes do Herbario real realizado polas profesoras María López Sández e Isabel Fraga Vila en 2019, con fotografías de Miguel Fraga. Non se trata dun herbario científico, senón dun literario, unha auténtica homenaxe á obra de Rosalía e á unión da literatura coa natureza.

No acto participaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; representantes dos grupos municipais; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e unha das autoras da mostra, María López Sández, que ademais realizou unha visita guiada para as persoas presentes.

Na súa intervención, Goretti Sanmartín, defendeu a “modernidade” de Rosalía de Castro na súa faceta de “muller rebelde, ecoloxista, feminista e defensora do territorio” e salientou a capacidade da escritora para evocar a natureza e a paisaxe e lograr “que a xente se poida transportar a Galiza a través dos seus versos, especialmente as persoas da emigración”.

A rexedora recordou que “o novo Goberno municipal quere centrar na figura de Rosalía de Castro o proxecto da internacionalización da cultura galega”, o que se sumará a iniciativas xa postas en marcha como a dos roteiros rosalianos ou a de Rosalía en Compostela. “Seguiremos traballando para que Rosalía e Compostela sigan tendo ese nexo fundamental de unión”, engadiu. Finalmente convidou a toda a veciñanza a achegarse a Conxo a “coñecer as herbas do campo florido e as herbiñas do camposanto” tan presentes nos versos da escritora.

‘O herbario de Rosalía’

A exposición amosa 40 imaxes do Herbario divididas en cinco seccións: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Cada unha destas seccións vai acompañada dun panel explicativo no que se desenvolve a importancia desa serie na obra de Rosalía, así como, en xeral, o nexo entre literatura e natureza. Acompáñao un vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalía e a proxección da totalidade dos pregos.

O horario de apertura será de 8 a 14h durante o mes de agosto e entre as 8 e as 14 horas e de 16.30 a 21 h durante o mes de setembro.

Esta mostra, que está a itinerar por todo o país, abriu en 2022 no Real Jardín Botánico de Madrid. Agora mesmo unha versión da mesma está exposta no Jardín Botánico Atlántico de Xixón (ata novembro deste ano).

En 2019 as profesoras Mª Isabel Fraga Vila e María López Sández doaron á Fundación Rosalía de Castro e á súa Casa-Museo o Herbario de Rosalía a partir da obra da autora, que consta de 150 pregos, con cadansúa planta no interior. “Trátase dunha ofrenda á autora á que tanto debemos, que nos ensinou a mirar a paisaxe galega doutra maneira, para que poida incorporarse ao discurso museístico e estea a disposición de todas aquelas persoas que se acheguen á Casa Museo”, afirmaron.

En 2022 a Fundación Rosalía publicou o libro homónimo coa totalidade das 150 plantas, que se pode atopar en todas as librarías do Estado.

As plantas na obra de Rosalía

O cantar II de Cantares gallegos comeza dicindo “Nasín cando as prantas nasen / no mes das froles nasín”. Flores e plantas ocupan un lugar sobranceiro na obra de Rosalía, consagrada á dignificación da paisaxe galega e das súas xentes. Durante o ano 2019, Mª Isabel Fraga Vila e María López Sández materializaron un herbario físico conectado coa obra de Rosalía de Castro. Para isto foi preciso un baleirado completo da súa obra, poética e en prosa, para localizar a totalidade das plantas e flores mencionadas.

Despois, seguindo o ciclo anual e privilexiando os espazos rosaliáns, aqueles que ela transitou e que describiu nas súas obras, seleccionaron o material: unha importante serie de rosas, acorde coas máis de 70 mencións que teñen na obra de Rosalía; pero tamén de herbiñas do camposanto ou herbas do campo florido, coherentes coa valoración da flora humilde que foi común aos autores marcados polo Romanticismo, desde Wordsworth á propia Rosalía.

Sen o coñecemento botánico de Mª Isabel Fraga Vila, profesora de botánica e directora durante varios anos do Museo de Historia Natural da USC, esta empresa non tería sido posible; mais non se trata dun herbario científico, senón dun herbario literario, un achegamento ás plantas e flores queridas á Rosalía, o herbario que as profesoras imaxinaron que podería ter feito a autora durante os paseos na natureza dos que tanto gustaba e que inspiraron os seus versos.

Se os narcisos de Wordsworth se convertiron nun símbolo universalmente coñecido da paisaxe inglesa, as rosas, as herbiñas do camposanto, as herbiñas do campo florido coas que Rosalía pintou as terras galegas tamén merecen perdurar.